O museo de Ourense presente a súa peza do mes de decembro de 2022
Con motivo das obras realizadas na estrada N-525, ao abeiro do coñecido como Plan de accesos a Galicia, levado a cabo na primeira metade da década dos anos 70 do século XX, que tiña por obxecto mellorar o trazado desta vía, tivo lugar o descubrimento desta peza, xunto cuns fragmentos de terra sigillata, nas proximidades da cidade de Ourense, á altura do lugar de Papón.
Os morteiros coa marca de Saturninus, en Hispania concéntranse prioritariamente na Tarraconense, se exceptuamos os exemplares de Olisipo (Lisboa), na Lusitania, e o de Laminium (Alhambra, Cidade Real), na Oretania setentrional. A súa distribución sinala unha clara penetración desde a costa cara ao interior, cos exemplares de Barcino e Emporiae, continuando co de Celsa, Uxama, Herrera de Pisuerga, Paredes de Nava,
Lucus Augusti, e este de Papón (Ourense). Esta dispersión, xunto coa de outros produtos, como a cerámica pintada tipo «Clunia», a circulación monetaria, determinados prototipos de cerámica de paredes finas e de vidro, entre outras manufacturas, axudan a definir o que hai anos, en colaboración con Manuel Xusto Rodríguez, denominamos a «corrente continental na Galicia romana Altoimperial».
Texto provinte da peza do Mes do Museo Arqueolóxico de Ourense